O proxecto Yucunet nace para crear unha rede educativa de Arte Contemporánea na rexión Iucatán-Cuba
Publicado: 2/3/2021
O proxecto Yucunet botou a andar este xoves coa intención de ofrecer ferramentas para a creación dunha rede educativa e de investigación e traballo en Arte Contemporánea na rexión Iucatán-Cuba. En liña e moderada polo profesor da USC Federico López Silvestre, coordinador do proxecto, a reunión de lanzamento desta iniciativa serviu para presentar aos integrantes dun consorcio internacional integrado por doce institucións de Portugal, México e Cuba. O reitor Antonio López tomou parte na xornada de benvida deste proxecto que conta cun orzamento de case 900.000 euros.
Sumo Valor apoia a creación dunha vacina contra a COVID-19 fácil de producir e que non precise frío para a súa conservación
Publicado: 2/3/2021
A catedrática da USC Mª José Alonso traballa dende o inicio da pandemia, no desenvolvemento dunha vacina innovadora contra o SARS-CoV-2 baseada na tecnoloxía do ARN mensaxeiro. Este é un dos dez proxectos que o Instituto de Salud Carlos III financia en España para obter unha vacina fronte á pandemia do coronavirus. A profesora asegura que "a nosa finalidade é conseguir unha vacina óptima, que sexa estable para que tamén poida ser accesible aos países en vías de desenvolvemento, onde as infraestruturas sanitarias son moi precarias e resulta ademais moi complexo manter a cadea de frío. Trátase dunha vacina fácil de producir e de transportar o antíxeno, ao tempo que é doada de fabricar a grande escala".
Espazos virtuais creativos para unha docencia verde e sen fronteiras
Publicado: 2/3/2021
Investigadores de Ciencias da Educación buscarán sinerxías nos eidos do respecto polo medio ambiente, a experimentación en contornas virtuais ou na alfabetización dixital. Cada un destes ámbitos de traballo correspóndense con outros tantos proxectos que o programa Erasmus+ financiará nos vindeiros anos con máis de 650.000 euros. Os grupos de investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental (SEPA-interea) e en Tecnoloxía Educativa (Tecnoeduc) acaban de ser beneficiarios de tres proxectos ao abeiro das modalidades correspondentes a "Asociacións para a Preparación para a Educación Dixital no sector da Educación Escolar" (KA226) e "Asociacións para a Creatividade no sector da Educación Escolar" (KA227).
A Vicerreitoría envía puntualmente información de gran interese para os investigadores a través da lista de distribución USC-INVESTIGACION. Axuda e soporte
Esta web dispón igualmente dunha Canle RSS que recolle as últimas actualizacións.