O grupo que dirixe o profesor da USC José Martínez Costas no Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS), entra nunha nova fase de investigación para o desenvolvemento dunha vacina contra a COVID-19. A Comisión Europea acaba de concederlle financiamento específico para a realización de probas preclínicas moi completas en animais de experimentación que permitirán, se os resultados son satisfactorios, "chegar ata a fase clínica de ensaios en humanos", sostén Martínez Costas. Esta investigación está a levarse a cabo en colaboración co grupo de Javier Ortego no Centro de Investigación en Sanidade Animal do Instituto Nacional de Investigación e Tecnoloxía Agraria e Alimentaria (CISA-INIA).
O camiño na procura dunha vacina contra a COVID-19, iniciado a comezos de abril ao amparo do Instituto de Saúde Carlos III, amplíase agora grazas ao financiamento da Comisión Europea. "Un importante impulso ao noso traballo, sen dúbida, ao que se suma tamén o financiamento privado que obtivemos do Banco Santander e a asociación CRUE Universidades españolas, en colaboración tamén co grupo de Luis Enjuanes e Isabel Sola do Centro Nacional de Biotecnoloxía (CNB-CSIC)", continúa o profesor da USC.
Máis información |