Business Factory Food (BFFood), a aceleradora do sector alimentario de Galicia impulsada pola Xunta de Galicia, dinamizada pola Agrupación industrial Alimentaria de Galicia (Clusaga) e na que a USC participa como socia, pon en marcha a súa terceira edición para identificar e promover ata un total de 16 proxectos innovadores de emprendemento, tanto nacionais como internacionais, que dean resposta aos retos da industria alimentaria.
Os retos para esta edición son: dixitalización e automatización; trazabilidade, calidade e seguridade alimentaria; loxística; sustentabilidade e packaging; desenvolvemento de novos produtos; e innovación de procesos e comercialización. Tamén, existe un reto aberto para calquera proxecto aplicable á industria que supoña a introdución dalgún tipo de innovación ou mellora.
Ademais, con motivo da situación xerada pola COVID-19, BFFood incorporou un reto especial co que busca proxectos dirixidos a fortalecer a resilencia da industria alimentaria fronte a situacións de emerxencia derivadas de pandemias.
Os proxectos seleccionados disporán de apoio económico da Xunta, formación das universidades e mentorización específica por parte de empresas tractoras do BFFood como Bodegas Martín Códax, Cafés Candelas, Calvo, Clavo Food Factory, Congalsa, Cooperativas Lácteas Unidas ( CLUN), Gadis, Galacteum, Kiwi Atlántico, Larsa, Nueva Pescanova, Quescrem, Torre de Núñez e Viña Costeira.
Podes presentar a túa candidatura, tanto ao programa de aceleración como de consolidación, a través da web bffood.gal ata o próximo 11 de xaneiro de 2021 ás 14 horas.
Para máis información: montserrat.camina@usc.es
patricia.gonzalez@usc.es
881815594 (ext. 15594) / 982 822 854 (ext.22854)
http://www.bffood.gal |