Eventos relacionados coa InvestigaciónNesta sección recollemos algún dos eventos de interese para os investigadores.
CURSOS Curso online Transferencia de coñecemento e interacción co Sistema de I+D+i
Descricion: A Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta de Galicia, en colaboración coa Fundación Barrié, organiza o curso online "Transferencia de coñecemento e interacción co Sistema de I+D+i". Esta actividade enmárcase no Programa Ignicia Transferencia de Coñecemento, nas actuacións orientadas a impulsar o desenvolvemento profesional dos investigadores e investigadoras dos centros de coñecemento do Sistema Galego de i+D+i en aspectos relacionados coa comercialización de resultados da i+D.
Este curso, de carácter gratuíto, está dirixido a persoal investigador posdoutoral, a investigadores/as contratados/as con cargo a proxectos de Universidades e Organismos Públicos de Investigación, así como a investigadores/as e tecnólogos/as dos Centros Tecnolóxicos. O seu obxectivo é introducir ao persoal investigador nas bases da transferencia de coñecemento e a comercialización de resultados da I+D, ademais de contribuír ao desenvolvemento das seguintes capacidades: comprensión do valor da innovación e da investigación traslacional académica, as habilidades para presentar a investigación e conectar coa industria, e as estratexias para mellorar a produtividade da innovación nun entorno académico.
Cunha duración total de 40 horas, distribuídas en 10 sesións semanais de 4 horas cada unha, o curso desenvolverase entre o 5 de marzo e o 14 de maio de 2021 en horario de 10:00 h a 14:00 h. O programa de contidos estrutúrase en 3 módulos que serán impartidos integramente en inglés: "Fundamentos sobre transferencia de coñecemento" (16 horas), "Comunicación e presentación da investigación" (8 horas) e "Ecosistema de innovación, impacto e colaboración" (16 horas). Pode consultar toda a información do programa premendo aquí. Para inscribirse, cubra o formulario na seguinte ligazón. O prazo de inscrición remata o día 26 de febreiro ás 20:00 h.
Para calquera dúbida ou aclaración pode poñerse en contacto a través do correo electrónico programacion.centros.gain@xunta.gal ou no teléfono 981 957 012. Data do evento: 05/03/2021 - 14/05/2021 Lugar: online
FORO 163 European Study Group with Industry
Descricion: Os ESGI constitúen un foro para traballar de maneira conxunta científicos industriais e investigadores matemáticos sobre problemas de interese para a industria. O 163 ESGI, que reunirá a especialistas das ramas de Matemática Aplicada e Estatística e Investigación Operativa, ten como obxectivo o fomento da transferencia Matemática cara á Industria buscando activamente proxectos de investigación e desenvolvemento onde a Matemática teña unha especial relevancia.
Debido á pandemia de coronavirus (COVID - 19), o evento será completamente on-line.
Toda a información relativa ao evento actualizarase continuamente na páxina web do mesmo: http://www.math-in.net/163esgi/
A asistencia é gratuita na Modalidade Básica, pero é necesario rexistrarse previamente. A data límite de inscrición será o 31 de maio de 2021. http://www.math-in.net/163esgi/inscripcion-particulares Data do evento: 12/07/2021 - 16/07/2021 Lugar: on-line. Organiza: Instituto Tecnológico de Matemática Industrial (ITMATI) e a Red Española Matemática - Industria (math-in)
|